Friday 17 de May de 2024

O Concello súmase á iniciativa da CEC para lograr que o Camiño Inglés sexa Patrimonio da Humanidade


O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, sinalou que o recoñecemento da Unesco suporá novas oportunidades de promoción da nosa cidade

O concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, mantivo un encontro co presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, co fin de coñecer a iniciativa posta en marcha pola entidade para lograr que o Camiño Inglés sexa declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Neste sentido, o concelleiro trasladoulle ao presidente da patronal coruñesa o total apoio do Goberno de
Inés Rey á iniciativa, “que suporá novas oportunidade para a promoción turística da nosa cidade”.

Para o edil, é, sen dúbida, un reforzo ao proxecto que está a desenvolver o Concello para pór en valor a ruta inglesa que comenza na nosa cidade. E lembrou que esta nova iniciativa se suma á adhesión do Concello da Coruña á Asociación de Concellos do Camiño Inglés e ás accións que desde o Consorcio de Turismo se están a levar a cabo para potenciar este tramo do Camiño, con todas as posibilidades que pode xerar para a nosa cidade.

O Concello, dixo, impulsará todas as actuacións que se poñan en marcha para conseguir este recoñecemento por parte da Unesco, un recoñecemento co que xa fóron distinguidas outras rutas de peregrinación a Santiago de Compostela como son o Camiño Francés, o Camiño Primitivo, e o Camiño do Norte.